Estrea o 1 e 2 de Xuño en Vedra

GUNDIAN

O vindeiro sábado 1 de Xuño, a compañía de teatro amador Andaravía estrea o seu novo espectáculo “República de Gundián”, escrito e dirixido por Carlos Santiago en codirección con Pepe Penabade. Baixo o lema de “un sainete futurista”, a peza ofrece unha sátira do momento actual mesturando o rexistro cómico deste clásico xénero do teatro popular coa política ficción.

Horario

A peza estrearase en dupla sesión o sábado día 1 de Xuño ás 21h. e o domingo 2 de Xuño ás 20h, no Centro Socio-Cultural de Vedra. A billeteira abriráse media hora antes e as entradas terán un prezo de 2€. Non hai reservas, e as entradas serán vendida até esgotar o aforo.

O Argumento

No ano 2031, centenario da Segunda República Española, unha aldea situada nun recuncho do río Ulla desafía ao estado español cun ultimato radical: ou soberanía fiscal ou independencia.

España, unha ditadura constitucional desde a reforma administrativa do ano 23 inducida por sucesivas crises económicas, está gobernada por un único partido legal, o Partido Popular Obreiro Español (PPOE) baixo o liderado de Mario Conde Roa e o reinado borbónico de Froilán I. Xa non existen os concellos nin as autonomías, e as decimonónicas deputacións provinciais administran todo o territorio do estado.

Pero a aldea de Gundián, vítima dun conflito interprovincial non resolto entre a Deputación da Coruña e a de Pontevedra, ten os seus propios problemas. Tras anos de abandono, novos veciños e veciñas retornados das cidades tratan de sobrevivir na parroquia redimindo hortas e leiras e pagando elevados impostos por partida dobre a ambas deputacións. Con todo, carecen dos mínimos servizos sociais, pois ningunha das deputacións se sente obrigada a concederllos.

Mapa de Gundián

Nunha asemblea no adro de Nosa Señora de Gundián os veciños e veciñas deciden pasar á acción e tras paralizar o tráfico en todos os pasos da parroquia -a ponte do Ave, a ponte vella do ferrocarril, o viaduto da Nacional 525 e a Ponte Ulla de toda a vida por onde pasa o Camiño de Santiago-, ameazan con proclamar a súa propia república veciñal independente. A crise e o espectáculo están servidos.

O proxecto

“República de Gundián” é o froito de oito meses de traballo nos que Andaravía Teatro, compañía de teatro amador impulsada pola Asociación Cultural Papaventos de Vedra, convidou a Pepe Penabade e Carlos Santiago a participar no proceso de creación dun espectáculo de teatro popular. Ambos creadores optaron de partida por recuperar o xénero do sainete e desenvolver unha sátira da actualidade social e política galega en clave de política ficción.

A partir do traballo de improvisación dos actores, foise desenvolvendo o texto do espectáculo. Outros creadores, como o deseñador gráfico e escenógrafo Pancho Lapeña ou o deseñador de ilumincación Xacobo Castro, fóronse sumando ao proxecto para levar a bo porto este pequeno soño teatral, que ten por primeira intención entreter e botar unha ollada irónica e divertida sobre o tempestuoso momento actual.

Advertisements